Diario de León
Publicado por
RAFAEL ADÁN
León

Creado:

Actualizado:

HOXE 17 de maio celébrase, como desde o ano 1963, o Día das Letras Galegas e esta celebración xa está plenamente asentada dentro da colectividade galegofalante de todo o mundo, incluíndo os galegofalantes bercianos. Hoxe dentro da Galiza administrativa todos os xornais saen coa súa portada en lingua galega. No Bierzo, o 17 de maio de 2006, o xornal «Diario de León» publica un artigo en lingua galega como mostra de normalidade dunha lingua que forma parte do patrimonio cultural berciano. Ademais a realidade viva da lingua galega no Bierzo tamén se ve reflectida co apoio que ten desde o punto de vista do ordenamento xurídico de Castilla y León (coa Lei orgánica 4/1999 do Estatuto de Autonomía de Castilla y León ou coa creación da Comarca do Bierzo coa Lei 1/1991) e tamén desde o de Galiza (coa Lei 3/1983 de normalización lingüística de Galiza ou co Plan xeral de normalización da lingua galega). Alén disto, a lingua galega no Bierzo conta con presenza oficial nos centros educativos desde a sinatura, en 2001, dun acordo de cooperación entre Junta de Castilla y León e a Xunta de Galiza para a implantación da lingua galega no Bierzo. Desde aquela o número do alumnado que estuda galego e os centros que o imparten medra ano a ano. No presente curso 2005/2006 en Infantil e Primaria hai máis de 700 alumnos, repartidos nunha ducia de centros, xunto con outros 120 repartidos en partes iguais na EOI de Ponferrada e nos IES Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo, Bergidum Flavium de Cacabelos e mais o Europa e o Virgen de la Encina en Ponferrada. Pois ben, hoxe 17 de maio en moitos destes centros escolares terán lugar actividades nas que os protagonistas son a lingua galega e o personaxes homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2006. Este é Manuel Lugrís Freire (Sada, 1863-A Coruña, 1940) de quen cómpre destacar que fundou en La Habana «A Gaita Gallega», o primeiro xornal escrito integramente en galego fóra de Galiza. Ademais hoxe Cacabelos será o centro das actividades que a Asociación Berciana da Lingua «Xarmenta» vén realizando desde o 11 de maio en Ponferrada e en Cacabelos para celebrar esta efeméride. Así, en colaboración co Concello de Cacabelos, Xarmenta trae a Cacabelos contacontos, cine e curtametraxes, música, os títeres de Tanxarina e a entrega dos I Premios Xarmenta de Debuxo para escolares. Hoxe... en galego, como mostra de normalidade da lingua galega no Bierzo e como mostra dunha realidade xa contada polo Padre Sarmiento, desde Vilafranca, ou por Antonio Fernández y Morales, desde Cacabelos.

tracking